domingo, 28 de febrero de 2016

REALIDADE OU APARIENCIA? A DÚBIDA E A NECESIDADE DUN CRITERIO DE DISTINCIÓN.

A dúbida é o mellor instrumento filosófico. A través da posta en dúbida daquilo que nos tentan amosar como verdade podemos ter a ocasión de valorar e someter ao xuízo da nosa razón o que tradicional ou comunmente outros se empeñan en amosar como certo e como absolutamente evidente. Así o fixo René Descartes, no século XVIII, porque desexaba aplicar a todo o saber e en xeral a toda a vida humana o cambio de mirada que se estaba a facer xa no eido da ciencia (na astronomía, nas matemáticas, na física). A revolución científica, supoñía a vontade de edificar o saber humano sobre a razón como instrumento. O método exposto polo filósofo francés utiliza como única guía a razón. Nada será aceptado que non se somete ao tribunal da nosa propia conciencia. Ela é a que somete todo a dúbida coa intención de separar o grao da palla, o verdadeiro do falso, o real do aparente. E esta é a primeira regra:

"Foi o primeiro, non admitir como verdadeira cousa algunha, como non soubese con evidencia que o é; é dicir, evitar coidadosamente a precipitación e a prevención, e non comprender nos meus xuízos máis nada que o que se presentase tan clara e distintamente a min espírito, que non houbese ningunha ocasión de poñelo en dúbida". René Déscartes. Discurso do Método. 1637.

Descartes plantexa un problema de gran actualidade. Como poderemos distinguir, no mundo da superinformación e superconexión, aquela información que non só sexa relevante para nós, senón que sexa absolutamente certa e non pseudoinformación, ou información manipulada, ou mentira?
Atopar un criterio para distinguir a verdade da apariencia (aquilo que parece verdade pero que non é) é moi importante para as nosas vidas, para decidir en conciencia, para actuar. Por iso nos decepciona tanto que alguén en quen confiamos nos minta ou nos oculte a verdade, sexa este un amigo, os nosos pais ou un político en quen depositamos o noso voto e confianza.

Vén a conto este vídeo que circulou pola rede: unha entrevista a un diputado canario de Podemos.
É MOI IMPORTANTE QUE VEXADES OS DOUS VÍDEOS.