miércoles, 27 de enero de 2021

FALAMOS CO FÍSICO ANTONIO RIVAS

Antonio Rivas é profesor de Física nun instituto de Santiago de Compostela e unha das súas paixóns é a astronáutica. Sabe moito da carreira espacial e sabe contalO ben, que iso é tamén un grao. Hoxe ofrecéuse gostoso a brindarnos cunha sesión de conversa virtual para falar precisamente de aventuras tecnocientíficas como a que nestes intres están a iniciar algúns países como China, por certo con grande éxito, ou que son retomadas logo do seu abandono durante décadas cun novo brío e alentadas por intereses públicos e privados nos que converxen axencias espaciais internacionais e corporacións privadas. Falamos neste último caso da colaboración entre a NASA e a empresa SpaceX do magnate Elon Musk (propietario de Tesla) que ten como referentes o Programa Artemisa, cuxo fin é a chegada da primeira muller á Lúa e o programa de probas de lanzamento de foguetes reutilizables , naves de carga e sistemas de transporte interplanetario que teñen como fin último a ambiciosa aventura da colonización de Marte (case nada).

As persoas adultas que temos na nosa memoria infantil as imaxes da aventura espacial norteamericana e que nutrimos a nosa imaxinación con literatura, cine e cómic de ciencia ficción que nos mostraban un futuro con robots, naves espaciais, coches voadores, teletransportación e outros kits tecnolóxicos semellantes non podemos evitar mirar cara ao futuro con certo escepticismo. Non cabe dúbida de que o aparello científico e tecnolóxico cambiou sensiblemente as nosas vidas. O lume no Paleolítico cambiou a forma de vida dos homininos. Hoxe os ordenadores están a influir dun xeito notable nas relacións sociais. E o futuro? Non cabe dúbida de que a sociedade futura estará tecnoloxicamente xestionada. Pero en que dirección?

Neste senso, os programas de investigación espacial que poden aportar ao ser humano como especie? Xa non se trata dos beneficios económicos dos que se pode aproveitar un grupo social ou un país. Foi a vista do planeta dende unha nave espacial, difundida a través dos media, a que contribuiu a desenvolver a conciencia planetaria; ese diminuto planeta azul entre a inmensidade dun espazo inabarcable e virxe. E foi a primeira pisada de Amstrong un grande paso para a Humanidade.

 
Do que se trata agora precisamente é de non esquecer esa arela, se é que de verdade foi o pulo que tirou dos avances e non a disputa polo poder simbólico bipolar entre EEUU e CCCP. Do que se trata agora é tamén de non perder as perspectiva e conxugar o futuro cun tempo composto entre os intereses privados das grandes corporacións e o interese común de imaxinar un mundo máis habitable e máis xusto. A clave de todo isto está quizais na pregunta: quen decide?