martes, 14 de septiembre de 2021

ENSAIOS

 


Mensualmente deberedes elaborar unha redacción persoal sobre os temas ou pistas temáticas que se relacionan máis abaixo. Penso que a mellor maneira de achegarse á filosofía é tomando contacto coa historia do pensamento (occidental) en pequenas doses, claro está, pero tamén exercitando o voso pensamento crítico e a vosa redacción. Hai lugar, como non, para o humor, a ironía e incluso a sátira. Non vos cortedes, expresade as vosas reflexións con sinceridade e valentía, mais, iso si, procurando falcelo con respecto. Esta é a norma fundamental deste xogo compartido. Digo compartido porque as vosas creacións serán lidas diante do grupo e tamén valoradas en función duns criterios mínimos que se recollen nunha táboa que se engade tamén a continuación.


Formato de entrega:

  • Os textos deberán ser editados en formato dixital e gardados nunha carpeta persoal.
  • O tamaño de letra non pode ser superior a 12 ppp
  • Para a lectura pública deberán ser impresos e entregados posteriormente ao profesorado.
ENSAIO PREMIO LITERARIO 25 N 

Como ben sabedes, o 25N é unha data onde se tenta sensibilizar e visibilizar un problema de fonda significación social, moral, e política. As cifras de vítimas de violencia seguen a medrar a pesar da persistente loita pola igualdade que as mulleres están a protagonizar nas últimas décadas. Hai datos para a alegría que perviven con outros para a desesperanza. A cuestión ten moitos matices e implicacións que dificultan a súa comprensión e que fan difícil a erradicación da violencia e do machismo que a sostén.

Como modo de chamar a atención sobre este problema e tratar de averiguar cales son as súas causas, as ideas sobre as que se sostén, as persoas ou institucións que a perpetúan, as implicadas, as responsables, as prexudicadas ou, por contra, beneficiadas... convócovos a reflexionar e escribir con toda liberdade. Tenta expresar a túa singular visión sobre este tema ou sobre algún aspecto relacionado con el. Escoitarémolo con moito interese e se resultas seleccionado poderás optar á fase final e, por tanto, ao I Premio Literario convocado polo Equipo de Dinamización Lingüística e o Equipo de Biblioteca do noso centro. Adiante.

Criterios para a súa avaliación:

CONTIDO
 1 ou 0
A composición resultou interesante para a audiencia e foi orixinal.

Tivo profundidade psicolóxica ou humor intelixente.

A exposición foi clara e sigueu unha orde lóxica. (presentación, tratamento, peche)

LINGUAXE

Usouse unha linguaxe correcta e clara.

O volumen de voz foi o adecuado.

A velocidade foi adecuada.

Os xestos e a postura corporal foron os adecuados.

Estableceuse contacto visual coa audiencia.

Usáronse apoios gráficos durante a exposición.

usáronse recursos para chamar la atención da audiencia (cambios de ton, preguntas, repeticións…)

PUNTUACIÓN TOTAL

QUE COUSA É FILOSOFÍA

 


Reflexiona e responde as seguintes cuestión:

  1. Cal é a orixe etimolóxica da palabra “filosofía” e que significa a aspiración á sabedoría que implica?
  2. Que é un sofista e cal é a diferenza a respecto do filósofo/a?
  3.  Por que a filosofía é unha actividade inconformista?
  4. É suficiente a conciencia da ignoranica como condición do filósofo/a? Que lle fai falta ademais.
  5.  Na admiración o ser humano sáese do tempo. Que quere dicir isto?
  6.  A admiración que caracteriza á filosofía para que serve? Que busca e para que?


BENVIDA



 Este é o caderno de bitácora da materia de filosofía de primeiro de bacharelato. Aquí atoparedes todos os recursos necesarios para a consulta de información, enlaces para a descarga dos apuntamentos e instrucións para a realización das actividades e tarefas que faredes ao longo do curso. A pesares de que estamos nun momento extraño e difícil en moitos aspectos este tamén pode ser unha ocasión para aprender nun novo contexto, fóra da zona de confort na que nos prace estarmos instalados, que nos provocará preguntas de calado filosófico.

Será un pracer estar convosco durante este novo curso no que recuperamos as clases presenciais. Van ser un pouco raras, si, pero o importante é amosar unha actitude positiva e perseverante que nos axude a superar as dificultades que poidamos atopar. Contaredes, non o esquezades, coa miña modesta axuda.

Sede benvidos/as, pois.

Lois