miércoles, 19 de junio de 2019

A EXPERIENCIA ESTÉTICA: O PROCESO CREATIVO


Hoxe, na aula de filosofía, tivemos un convidado especial. Chámase Camilo Seira e vive en Rois.
Camilo foi alumno do noso centro antes de formarse como artista, primeiro na Escola de Artes Aplicadas Mestre Mateo de Santiago e logo na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Vive da escultura, o cal quere dicir que, aparte da súa intelixencia e sensibilidade, debe posuir unha rexa vontade, un pulo vocacional que xustifique esta actitude arriscada de vivir da cración artística hoxendía en Galicia.

 Veu a conversar connosco sobre cuestións intimamente relacionadas coa experiencia estética e os procesos creativos, como xurden, como se materializan, como se distribúen... Trouxo con el unha morea de blocs para que puidéramos consultar os seus cadernos de bitácora. Dixo que era artista as vintecatro horas do día, ás veces quitándolle ao sono. E tamén nos achegou unha peza en madeira para que puidéramos comprender os seus rasgos formais e comunicativos. Unha clase de arte que soubo a pouco, a verdade.

O balanzo desta experiencia piloto foi moi positivo e posiblemente esta sexa o prólogo dun proxecto que habemos desenvolver o curso vindeiro e que tentará implicar ás persoas artistas da comarca.