domingo, 9 de enero de 2022

PREMIO DE ENSAIO 25 N

 Engado o enlace para que poidades acceder á galería de imaxes dos Premios de creación 25N contra a violencia machista. Canto á categoría de ensaio, os ensaios premiados polo xurado, formado por alumnos a alumnas de segundo de bacharelato, tiveron como autores a Samuel Paz e David García, primeiro e segundo premio, respectivamente. O xurado final seleccionou estas dúas creacións logo da lectura que os finalistas fixeron no salón de actos e trala elección que vos mesmos fixestes dos oito finalistas. O

Parabéns para os premiados e para todo o alumnado en xeral de primeiro de bacharelato polo esforzo que mensualmente facedes para enfiar as vosas reflexións e por compartilas na aula. Sei que non é doado, pero considero que é algo máis ca un simple exercicio académico. A sesión de lectura pública é unha ocasión para o encontro coa vosa voz íntima e o sentir de todos e cada un ou unha de nós que abre espazos para a experiencia filosófica e humana e que seguramente está a deixar pegada. 

Que siga a fluir esta palabra en liberdade.

O vídeo non é unha marabilla, xa sei, pero deixa constancia, digo eu.



AULA GALERÍA. ESTÉTICA E CREACIÓN NA AULA DE FILOSOFÍA

Aquí podes acceder ás galerías de imaxes dos proxectos desenvolvidos na aula de filosofía e/ou no Recuncho violeta do noso centro que tiveron como denominador común a creación artística, a reflexión sobre a arte e o contacto coa obra de persoas da contorna que se adican a cultivar esta singular, interesante e sempre misteriosa actividade humana:

Visita ao Museo do Gravado de Artes, Ribeira

Exposición de fotografía de Merce Ares

Héctor-Balam. Encontro co alumno artista na aula.

Exposición de fotografía e pintura de Lara Blanco

Obradoiro de performance (Ana Gesto) 6 sesións Vídeo 

Performance colectiva 54x54 contra a violencia machista en Padrón (Ana Gesto) Vídeo

Obradoiro de land art (Camilo Seira) 1 sesión teórica / 2 sesións na finca do Cadavid

A experiencia estética: o proceso creativo (Camilo Seira)

Intervencións no cuarto de filo (CGAC)

Exposición de fotografía de Lucía Costa (alumna de 4º ESO)

Premios 25N de creación contra a violencia machista. Ensaio. Vídeo


 

miércoles, 1 de diciembre de 2021

NOVA TAREFA / MAPA CONCEPTUAL

 


No menú superior figuran as instrucións para a elaboración da tarefa de edición dun MAPA CONCEPTUAL. A data de entrega é o 17 de decembro.

martes, 23 de noviembre de 2021

TAREFA RECUPERACIÓN


A través do seguinte enlace as persoas que non superaron a proba de contidos realizada a semana pasada poderán optar pola realización dunha tarefa alternativa. Deberedes escoller unha das dúas opcións que se ofrecen no seguinte documento

Elixe unha das seguintes tarefas.

Tarefa 1A XENEALOXÍA DA NOSA ESPECIE. Utiliza o panel de abaixo como referencia para editar unha presentación de diapostivas que sirva como apoio para a túa exposición oral. Debe ser visualmente atractiva e, no entanto, recoller toda a información estritamente básica.


Tarefa 2SOCIALIZACIÓN INADVERTIDA: OS ESTEREOTIPOS. Elixe 2 imaxes publicitarias da seguinte presentación, obsérvaas detidamente, descríbeas con detalle e interpreta a súa mensaxe explícita ou encuberta poñendoa en relación co título da tarefa.

miércoles, 10 de noviembre de 2021

CONVERSA CO POETA E DESEÑADOR PEDRO LARA

A pesar de todas as circunstancias desfavorable, todas técnicas, puidemos tirar adiante, malia todo, o primeiro ciclo de conversas co poeta e deseñador madrileño Pedro Lara, con quen tivemos xa o curso pasado unha excelente e produtiva experiencia.

Esta primeira charla distentida foi o complemento dunha actividade mensual consistente na redacción dun ensaio orixinal arredor dun tema. E este mes foi A LOUCURA o lema que serviu de nexo para a lectura pública na aula das producións persoais nas súas variadas acepcións e manifestacións. Neste senso, o contacto cunha persoa, sensible, culta e cunha longa experiencia de sufrimento e empoderamento, ten unhas grandes posibilidades educativas para achegármonos a unha nova conceptualización deste tipo de trastornos psicoemocionais, esvaer os estereotipos e estigmas psicosociais asociados, os seus posibles factores desencadeantes (estresores), os modos diferentes de terapia, o descubrimento de nichos profesionais moitas veces invisibles que fan posible o renacemento psíquico das persoas e a súa integración laboral e social... e a problemática do acoso escolar, ámbito no que Pedro é un activista.

Imos continuar co visionado dunha reportaxe televisiva ESO NO SE PREGUNTA, adicado á ENFERMIDADE MENTAL, moi interesante como prólogo á segunda sesión.



martes, 14 de septiembre de 2021

ENSAIOS

 


Mensualmente deberedes elaborar unha redacción persoal sobre os temas ou pistas temáticas que se relacionan máis abaixo. Penso que a mellor maneira de achegarse á filosofía é tomando contacto coa historia do pensamento (occidental) en pequenas doses, claro está, pero tamén exercitando o voso pensamento crítico e a vosa redacción. Hai lugar, como non, para o humor, a ironía e incluso a sátira. Non vos cortedes, expresade as vosas reflexións con sinceridade e valentía, mais, iso si, procurando falcelo con respecto. Esta é a norma fundamental deste xogo compartido. Digo compartido porque as vosas creacións serán lidas diante do grupo e tamén valoradas en función duns criterios mínimos que se recollen nunha táboa que se engade tamén a continuación.


Formato de entrega:

  • Os textos deberán ser editados en formato dixital e gardados nunha carpeta persoal.
  • O tamaño de letra non pode ser superior a 12 ppp
  • Para a lectura pública deberán ser impresos e entregados posteriormente ao profesorado.
ENSAIO PREMIO LITERARIO 25 N 

Como ben sabedes, o 25N é unha data onde se tenta sensibilizar e visibilizar un problema de fonda significación social, moral, e política. As cifras de vítimas de violencia seguen a medrar a pesar da persistente loita pola igualdade que as mulleres están a protagonizar nas últimas décadas. Hai datos para a alegría que perviven con outros para a desesperanza. A cuestión ten moitos matices e implicacións que dificultan a súa comprensión e que fan difícil a erradicación da violencia e do machismo que a sostén.

Como modo de chamar a atención sobre este problema e tratar de averiguar cales son as súas causas, as ideas sobre as que se sostén, as persoas ou institucións que a perpetúan, as implicadas, as responsables, as prexudicadas ou, por contra, beneficiadas... convócovos a reflexionar e escribir con toda liberdade. Tenta expresar a túa singular visión sobre este tema ou sobre algún aspecto relacionado con el. Escoitarémolo con moito interese e se resultas seleccionado poderás optar á fase final e, por tanto, ao I Premio Literario convocado polo Equipo de Dinamización Lingüística e o Equipo de Biblioteca do noso centro. Adiante.

Criterios para a súa avaliación:

CONTIDO
 1 ou 0
A composición resultou interesante para a audiencia e foi orixinal.

Tivo profundidade psicolóxica ou humor intelixente.

A exposición foi clara e sigueu unha orde lóxica. (presentación, tratamento, peche)

LINGUAXE

Usouse unha linguaxe correcta e clara.

O volumen de voz foi o adecuado.

A velocidade foi adecuada.

Os xestos e a postura corporal foron os adecuados.

Estableceuse contacto visual coa audiencia.

Usáronse apoios gráficos durante a exposición.

usáronse recursos para chamar la atención da audiencia (cambios de ton, preguntas, repeticións…)

PUNTUACIÓN TOTAL

QUE COUSA É FILOSOFÍA

 


Reflexiona e responde as seguintes cuestión:

  1. Cal é a orixe etimolóxica da palabra “filosofía” e que significa a aspiración á sabedoría que implica?
  2. Que é un sofista e cal é a diferenza a respecto do filósofo/a?
  3.  Por que a filosofía é unha actividade inconformista?
  4. É suficiente a conciencia da ignoranica como condición do filósofo/a? Que lle fai falta ademais.
  5.  Na admiración o ser humano sáese do tempo. Que quere dicir isto?
  6.  A admiración que caracteriza á filosofía para que serve? Que busca e para que?


BENVIDA



 Este é o caderno de bitácora da materia de filosofía de primeiro de bacharelato. Aquí atoparedes todos os recursos necesarios para a consulta de información, enlaces para a descarga dos apuntamentos e instrucións para a realización das actividades e tarefas que faredes ao longo do curso. A pesares de que estamos nun momento extraño e difícil en moitos aspectos este tamén pode ser unha ocasión para aprender nun novo contexto, fóra da zona de confort na que nos prace estarmos instalados, que nos provocará preguntas de calado filosófico.

Será un pracer estar convosco durante este novo curso no que recuperamos as clases presenciais. Van ser un pouco raras, si, pero o importante é amosar unha actitude positiva e perseverante que nos axude a superar as dificultades que poidamos atopar. Contaredes, non o esquezades, coa miña modesta axuda.

Sede benvidos/as, pois.

Lois